logo
DIRECTOR
Manuel Desviat
DISEÑO
Átopos
REDACCIÓN
María José Gil Bonmatí, Ana González Rodríguez, Ana Moreno, Ana Moro, Itzhak Levav, Pilar Nieto Degregori, María Eugenia Ruiz Velasco, Marta Sanz Amador, Rafael Sepúlveda.
CONSEJO EDITOR
P. Amarante, J.M. Caldas Almeida, F. Colina, F. Chicharro, P.G. Delgado, M. Desviat, Domingo Alves, A. Fernández Liria, I. Levav, J. Mas Hesse, F. Pereña, B. Saraceno.
EDITA
Asociación Átopos, salud mental, comunidad y cultura
REALIZACIÓN E IMPRESIÓN
Lúa Ediciones 3.0 S.L.
WEB
Manuel Desviat
Ana Moreno

Arquitecturas de la infancia

Arquitecturas da infancia.

Escenarios e teatros na construcción social da infancia

 

Ramón Area Carracedo / Luís Vila

 

O estudo do actual concepto de infancia a través dos espazos de desenvolvemento e acción dos máis cativos é o obxectivo de Arquitecturas da infancia. Escenarios e teatros na construción social da infancia, que nos presentan os psiquiatras Ramón Area Carracedo e Luís Vila Pillado e que vén de publicar a editorial Laiovento. A obra, que parte da pregunta sobre o papel dos nenos e nenas de hoxe en día como suxeitos e cidadáns, pretende amosar como o concepto de infancia non é senón un construto teórico e que, polo tanto, depende do momento histórico e social no que se analice. Este feito amósase crucial se temos en conta a profesión dos autores á hora de determinar as fronteiras entre o que é considerado normalidade ou anormalidade na nenez e de aí a división entre nenos sans e doentes.

 

Arquitecturas da infancia é unha obra multidisciplinar, que se abre camiño entre as consideracións da psiquiatría, as reflexións filosóficas, as análises históricas e historiográficas e as aportacións da demografía, a xeografía, a psicoloxía e como non a socioloxía. Todo isto ás consideracións sobre o método científico e os seus conceptos paradigmáticos. Neste sentido o resultado é unha interesante análise, seria e completa que se sitúa moito máis aló das simplificacións sobre o tema. O noso concepto de infancia enraízase nas consideracións dos ilustrados. Estes converteron os nenos en alumnos ao insistir na importancia da escolarización e fixérono convencidos de que o progreso da sociedade dependía da formación de boas persoas e bos cidadáns. Co paso do tempo fóronse unindo ideas como a abolición do traballo infantil e un especial tratamento da lei aos menores. A postmodernidade deu unha volta e pasou a incidir na especial vulnerabilidade do neno ao mesmo tempo que se acurtaba a infancia e se alongaba a adolescencia. O resultado, uns cativos socializados na sociedade de consumo, abertos ás novas tecnoloxías e cunha modificación clara dos seus espazos de acción: as rúas, que noutrora foran o principal lugar de desenvolvemento e xogo, pasan a seren agora espazos prohibidos e novos escenarios como o parque infantil e o centro comercial se abren camiño. É aquí cando xorde o concepto de arquitectura, como xeito de destacar a importancia da sociedade e a cultura na nosa xeografía: a distribución das escolas, das zonas destinadas ó xogo na cidade e no fogar, etc… Doutra banda, se o onde é importante, tamén o é o como esta acción se realiza, achegándonos entón ó que os autores denominan os teatros da infancia. Unha e outros, elementos a ter en conta á hora de entender as enfermidades que presentan os nenos e nenas actuais.